"En galego, naturalmente" é o lema co que se presenta este ano os 'Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa e o comercio', convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio. O slogan da campaña pretende pór en valor o uso da lingua galega nos establecementos locais como unha maneira de conectar coa clientela e achegar naturalidade e proximidade nun mercado cada vez máis global. O 18 de decembro a partir das 20.00 horas, o Teatro Principal acollerá a gala de entrega de premios ás empresas seleccionadas polo xurado, nunha convocatoria co obxectivo de dar a coñecer e espallar a utilidade que ten o galego, tamén como lingua instrumental como no ámbito mercantil.
A convocatoria estará aberta ata o día 11 de decembro e as bases poden consultarse na web premiosmanuelbeiras.gal. Durante as semanas previas á entrega dos premios, desenvolverase unha campaña arredor do lema "En galego, naturalmente" co obxectivo de difundir a convocatoria e as mensaxes do premio así como para animar ás empresas a que presenten as súas candidaturas.
Como nos anos anteriores, calquera persoa ou entidade pode formular propostas de candidaturas e tamén o poden facer as mesmas empresas. A proposta debe achegar, na medida do posible, información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida desta información, as empresas candidatas poden sumarse a #galegoempresas (galegoempresas.santiagodecompostela.gal), na que poden completar un autodiagnóstico e tamén poden elaborar unha pequena memoria, para o que contarán co apoio, se o precisan, do Departamento de Lingua. Na web atoparán unha guía para facilitar a información que o xurado necesita. Como é habitual, a organización non fai público o nome das empresas que son candidatas, mais elas si poden publicitalo.
A convocatoria dese ano rematará coa entrega dos premios ás empresas galardoadas, nun acto que terá lugar o vindeiro 18 de decembro ás 20 horas no Teatro Principal. A gala estará conducida por Isabel Risco.