"En galego, empresa/comercio + intelixente" é o lema co que se presenta a XV edición dos Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa e o comercio, convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio. O slogan da campaña pretende pór en valor o uso da lingua galega na intelixencia artificial e nos establecementos locais como unha maneira de conectar coa clientela e achegar naturalidade e proximidade nun mercado cada vez máis global. O vindeiro 2 de decembro o Teatro Principal acollerá a gala de entrega de premios ás empresas seleccionadas polo xurado, nunha convocatoria co obxectivo de dar a coñecer e espallar a utilidade que ten o galego, tamén como lingua instrumental como no ámbito mercantil.
A convocatoria estará aberta ata o día 25 de novembro e as bases poden consultarse na web premiosmanuelbeiras.gal. Durante as semanas previas á entrega dos premios, desenvolverase unha campaña arredor do lema "En galego, empresa/comercio + intelixente" co obxectivo de difundir a convocatoria e as mensaxes do premio así como para animar ás empresas a que presenten as súas candidaturas. Nesta ocasión a temática xirará arredor da intelixencia artificial (IA) e uso da lingua, co propósito de chamar a atención sobre un recurso que os negocios teñen á man para poñerse en valor e conectar co público compostelán.
Como nos anos anteriores, calquera persoa ou entidade pode formular propostas de candidaturas e tamén o poden facer as mesmas empresas. A proposta debe achegar, na medida do posible, información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida desta información, as empresas candidatas poden sumarse a #galegoempresas (galegoempresas.santiagodecompostela.gal), na que poden completar un autodiagnóstico e tamén poden elaborar unha pequena memoria, para o que contarán co apoio, se o precisan, do Departamento de Lingua. Na web atoparán unha guía para facilitar a información que o xurado necesita. Como é habitual, a organización non fai público o nome das empresas que son candidatas, mais elas si poden publicitalo.
O prazo de presentación de candidaturas rematará o 25 de novembro e a entrega dos premios ás empresas galardoadas terá lugar o vindeiro 2 de decembro ás 20 horas no Teatro Principal. A gala estará conducida por Cris Collazo co acompañamento musical de Monqup.