Superadas xa os vinte anos de vida dos Premios Manuel Beiras, o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio revisaron as normas que os rexen e aprobaron unhas novas bases nas que se explican os seus obxectivos, os méritos que se valoran en cada categoría e o funcionamento da convocatoria.
Por outra parte, tendo en conta que o uso do galego no sector comercial superou as etapas iniciais e que unha comunicación eficaz require xa un maior esforzo, créase unha nova categoría para premiar as accións -globais ou puntuais- das empresas que destaquen pola súa innovación, orixinalidade, impacto etc., e que poden convertérense en exemplos de boas prácticas.
Esta categoría é, dalgún xeito, unha mirada cara ao futuro, con máis e mellor comunicación en galego por parte do sector socioeconómico, unha vez demostrado -grazas ás empresas que foron pioneiras- que empregar o galego nunca resta e sempre suma.
Como nos anos anteriores, calquera persoa ou entidade pode formular propostas de candidaturas e tamén o poden facer as mesmas empresas que desexen optar a calquera das categorías. Para animalas, como tamén xa é habitual, deseñouse unha campaña que estará presente na rúa e nas redes durante as vindeiras semanas.
As mensaxes e os materiais da campaña poñen o foco nas posibilidades que o galego lles abre ás empresas e, especialmente, a aquelas que se dirixen ao público local. O Galego conéctanos e fainos visibles. Usar o Galego é unha decisión extratéxica
Nestes momentos, en que os negocios locais precisan de todo o noso apoio e cando a parece aumentar a sensibilidade da cidadanía polo próximo, o sustentable, os valores intanxibles e comunicación entre as persoas, non podemos deixar de poñer en evidencia que o emprego da nosa lingua propia é o mellor elemento para establecer esta conexión: distingue os establecementos locais nun contexto globalizado e facilita as redes de complicidade co seu público.